Saturday 04 de May de 2024

O Festival RESIS converterá A Coruña na capital da música contemporánea con nove concertos, sete estreas absolutas e múltiples actividades


O certame súmase ás actividades do Ano Picasso con concertos no Palexco e no Museo de Belas Artes

O festival, convertido xa nunha referencia, combina as propostas musicais de vangarda coa posta en valor do patrimonio e os espazos naturais da cidade

A Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña participan por tercer ano consecutivo na cita Árbore da Veira, Domus, Muncyt, Fundación Luís Seoane, Casa Museo Casares Quiroga, os teatros Rosalía e Colón, serán algunhas das sedes das actividades

A Coruña converterase na capital da música contemporánea durante os meses de abril e maio coa sexta edición do Festival RESIS, que ofrecerá nove concertos, con sete estreas absolutas, proxeccións e numerosas actividades combinando a música coa posta en valor do patrimonio e os espazos públicos da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o acto xunto ao director creativo do RESIS, Hugo Gómez-Chao; o xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia, Andrés Lacasa, o deputado provincial Xurxo Couto; e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.

O Festival RESIS de música contemporánea e artes vivas, creado no 2018 polo compositor coruñés Hugo Gómez-Chao e o patrocinio do Concello da Coruña, entre outras entidades, converteuse nestes seis anos de existencia nun extraordinario evento artístico que se sustenta na integración de propostas musicais de vangarda co patrimonio e os espazos naturais da Coruña, achegando a música contemporánea á cidadanía.

A través de diferentes linguaxes artísticas, o Festival RESIS ofrecerá un total de nove concertos, dúas instalacións sonoras, proxeccións e numerosas actividades paralelas desde o 13 de abril ao 6 de maio.

Nesta edición o festival súmase ás actividades do Ano Picasso, con concertos no Palexco e no Museo de Belas Artes. De feito, o primeiro grande concerto do certame, o día 15 de abril, a cargo de Arsis Ensemble, baixo a dirección de Nacho de Paz, estará enmarcado dentro dos eventos do ano Picasso, coincidindo no Palexco coa exposición “Pablo Ruiz en min”. O día 29 de abril haberá outro concerto no Museo de Belas Artes, coincidindo tamén coa exposición “Picasso, branco no recordo azul” que recorda a influencia da cidade da Coruña na obra do xenial pintor. Desta maneira, “conflúen a música e a arte do Picasso máis coruñés”, tal como sinalou na presentación do programa de actos a alcaldesa, Inés Rey.

RESIS, que nesta edición lle renderá homenaxe ao compositor György Ligeti, acollerá por terceiro ano consecutivo dous concertos en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia e coa Banda Municipal de Música, e tamén amosará os resultados das dúas estadías artísticas coas que colabora o certame, como son as residencias artísticas do Gaiás-Ciudad da Cultura e as Residencias artísticas de Mariñán na especialidade de música.

Todo isto, a través de actividades totalmente gratuítas que se desenvolverán en enclaves singulares da Coruña, referentes da arte contemporánea nas súas diversas disciplinas: a sala municipal de exposicións Palexco, a Fundación Luís Seoane, o Museo de Belas Artes, a Casa Museo Casares Quiroga, a Domus, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Muncyt, así como o teatro Rosalía de Castro e o Teatro Colón.

Cómpre subliñar ademais que o concerto inaugural, o 13 de abril, terá lugar nun escenario novedoso, como son as instalacións de Árbore da Veira, no monte de San Pedro, mesturando desta maneira a música coa gastronomía.

O elevado nivel artístico desta edición vén confirmar a traxectoria de excelencia do RESIS, tal como resaltou a alcaldesa. Este ano o ciclo-homenaxe ao compositor György Ligeti, peza clave da música contemporánea do século XX, únese ao gran atractivo de creadoras e creadores contemporáneos de referencia internacional, como os compositores Beat Furrer, Alberto Posadas, o director Nacho de Paz, o cuarteto francés Diotima, Arxis Ensemble, Mosaik Ensemble, o coreógrafo franco-belga Damien Jalet, o vídeocreador Juan Lesta, a Sinfonietta da Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal da Coruña, dirixida nesta ocasión por José Trigeros. Estas dúas últimas colaboracións mostran o carácter do RESIS, un evento aberto e multidisciplinar, que traballa man a man coas institucións musicais máis importantes da cidade da Coruña.

Nesta edición haberá sete estreas absolutas, das que dúas son froito de estadías artísticas.
Trátase da nova peza de Hugo Gómez-Chao, compositor residente da Real Academia de España en Roma, a do compositor Mario G. Cortizo, froito da colaboración do RESIS coas Residencias Artísticas Mariñán, e a do compositor Pedro González, que nace da residencia que o RESIS desenvolve en colaboración co Gaiás-Cidade da Cultura. Así mesmo, o RESIS únese ás actividades do Ano Picasso co concerto de “Pierrot Lunaire” de Arnold Schoenberg, interpretado por Plural Ensemble baixo a dirección de Fabián Panisello.